A Materioteca de Galicia presenta xunto coa Camara Oficial Mineira de Galicia o Catálogo de Recursos Naturais de Galicia.

A Materioteca de Galicia, en colaboración coa Cámara Oficial Mineira de Galicia e co apoio da Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Dirección xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais está a traballar na creación dun Catálogo de Recursos Naturais de Galicia co obxectivo de promover e difundir o potencial mineiro galego, e en especial, o que poida considerarse de carácter estratéxico.

Este catálogo e a súa exposición, que agora forman parte da Materioteca de Galicia están enmarcados na Axenda Galega de Impulso de Minería Sostible 2030 (AMSG 2030) e son o resultado dos traballos levados a cabo durante o último ano pola CCOMG e a Axencia Galega de Innovación. O resultado destes labores deu como resultado un catálogo de máis de 122 produtos de orixe mineral que se poden consultar na web da Materioteca de Galicia. Este catálogo inclúe un estudo detallado destes materiais, o que facilita a súa promoción e transferencia cara outros sectores industriais, favorecendo sinerxias e a valorización de recursos que ata o momento non tiñan unha aplicación. Deste xeito, contribúe tamén á sustentabilidade da industria e á súa circularidade.

No evento de presentación do catálogo, celebrado no CIS Tecnoloxía e Deseño o pasado 13 de decembro, interviñeron o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia, Pablo Fernández Vila, e o presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), Juan José López Muñoz. Santiago Nieto e Irene Pérez, técnicos da Materioteca de Galicia e da COMG respectivamente, explicaron en detalle o proxecto ao tempo que se presentaron proxectos de innovación e circulariade da man de Gonzalo Souto, director técnico de Cerámica Campo.