A Materioteca
en 3 minutos

Sobre nós

Quen somos

A biblioteca de materiais de referencia en Galicia

A Materioteca de Galicia é unha iniciativa da Xunta de Galicia e ten a súa sede en Ferrol, no CIS Tecnoloxía e Deseño. A nosa principal misión é dinamizar a implantación dos materiais innovadores nas empresas galegas a través do deseño.
Na Materioteca de Galicia podes atopar os recursos e servizos necesarios para sacarlle todo o partido aos novos materiais en proxectos de economía circular, industria 4.0 e transformación dixital e todo tipo de iniciativas innovadoras dirixidas a desenvolver produtos e solucións de alto valor engadido.

Materiais e servizos de apoio

A nosa exposición e arquivo de mostras clasificadas complétase con servizos especializados para facilitar a transferencia de tecnoloxías de materiais ao tecido empresarial e estimular a innovación intersectorial, con especial atención aos materiais creados en Galicia.

Obxectivos

1. Catalogar e dar visibilidade a novos materiais innovadores desenvolvidos en Galicia, tanto en universidades ou centros tecnolóxicos e de investigación como en empresas.


2. Ofrecer un espazo de inspiración a profesionais involucrados no desenvolvemento de solucións innovadoras para os retos das empresas desde ámbitos diversos: deseño, enxeñería, arquitectura e tecnoloxía.


3. Transferir coñecemento, en dúas vertentes:

  • Desde os axentes de I+D do campo dos novos materiais á industria, coa finalidade de mellorar a competitividade das empresas grazas á capacidade dos materiais avanzados para xerar produtos e solucións con maior valor engadido.
  • Entre diferentes sectores de actividade, xa que moitas veces un material creado para resolver unha necesidade nun sector ten capacidade para ofrecer solucións noutros.

4. Crear sinerxías entre os organismos de I+D galegos do campo dos materiais e entre eles e as empresas, a través da creación dunha rede de colaboradores e dun catálogo de grupos de investigación neste ámbito.

Servizos

Na Materioteca de Galicia prestámosche servizos especializados en función do teu perfil:

1. Profesional do deseño, da enxeñería ou da arquitectura: dámosche soporte na procura dos materiais que necesitas nos teus proxectos de creación de solucións innovadoras para empresas.

2. Persoal investigador, técnologo ou xestor de transferencia: axudámosche a darlle visibilidade aos materiais creados na entidade de I+D ou a empresas na que traballas para facilitar a súa transferencia á industria.

3. Responsable de innovación na empresa: facilitámosche a busca do material que precisas para darlle resposta ao teu reto de innovación.

ESPAZO EXPOSITIVO E BASE DE DATOS DIXITAL

Espazo expositivo con acceso a base de datos

Se buscas inspiración sobre materiais innovadores e sustentables, o espazo de exposición e consulta da Materioteca de Galicia é o teu sitio.

Colección de mostras

A nosa colección física de mostras está composta por:

Materiais creados en Galicia. Son os protagonistas da Materioteca e xa suman máis dun cento. Incorporámolos a través dun labor continuado de vixilancia tecnolóxica sobre patentes rexistradas e de contacto directo coas entidades de I+D e as empresas galegas con actividade en innovación en materiais.

Materiais de referencia a nivel internacional. Complementan as referencias de orixe galega a través dunha selección de 250 mostras de materiais innovadores a nivel internacional, escollidos en función do seu potencial interese para os sectores industriais galegos.

Cada material está debidamente clasificado e documentado.
Exponse nunha tabliña na que se inclúe unha mostra e a descrición das súas características, propiedades e aplicacións.

Base de datos dixital

A exposición de mostras físicas complétase cun punto de acceso á base de datos dixital con máis de 100 materiais creados en Galicia, con fichas de información e contacto en detalle sobre cada un deles.
Ademais, os visitantes teñen acceso desde os puntos de consulta da Materioteca de Galicia una base de datos internacional, con máis de 8000 referencias que se actualiza mes a mes.

DIFUSIÓN DE MATERIAIS GALEGOS

Vixilancia tecnolóxica e difusión de materiais galegos

A incorporación de materiais creados en Galicia é unha das nosas maiores prioridades, así como a súa máxima difusión a nivel internacional.

Busca continuada

Para logralo, na Materioteca de Galicia realizamos un labor continuado de vixilancia tecnolóxica sobre patentes rexistradas e mantemos un contacto directo coas entidades de I+D e as empresas galegas con actividade en innovación en materiais.

Promoción a nivel global

Ademais de incorporar os materiais de orixe galega á nosa exposición física e á nosa base de datos, promovemos a súa máxima visibilidade:

Tras catalogalos adecuadamente, propoñemos aqueles materiais que cumpren cos criterios de innovación, sustentabilidade e dispoñibilidade para a súa incorporación a bases de datos a nivel internacional.

Facilitamos a búsqueda de socios noutros países para o desenvolvemento conxunto de novos materiais ou de novas aplicacións de materiais galegos xa creados. Co apoio do consorcio Galactea Plus, axudamos a identificar oportunidades de colaboración no marco da Enterprise Europe Network, a maior rede do mundo de información e asesoramento a pemes, con máis de 600 entidades de máis de 60 países.

DINAMIZACIÓN E PUNTO DE CONTACTO

Dinamización con grupos de interese e punto
de contacto

Na Materioteca de Galicia traballamos para atraer e poñer en contacto a todos os axentes do ecosistema de materiais de Galicia.

Visitas concertadas

Organizamos visitas á Materioteca para que todos os grupos de interese teñan ocasión de coñecer as nosas instalacións e os servizos que ofrecemos:

As entidades de I+D (grupos de investigación, centros
tecnolóxicos, empresas) que están a innovar en materiais.

As empresas, como potenciais usuarias de novos materiais.

As asociacións de empresas e de profesionais do deseño e doutras áreas.

Punto de contacto

Tamén funcionamos como punto de contacto, coa misión de conectar oferta de materiais con demanda de aplicacións nas empresas, primando o papel dos/das profesionais do deseño como vehículo.

Para logralo, na Materioteca de Galicia estamos abertos á recepción de consultas realizadas por empresas e deseñadores/as en relación con retos industriais para os que os novos materiais poden representar unha solución.
Isto permite:

Detectar novas necesidades nas empresas para promover procesos de transferencia. Actuamos como intermediarios trasladando as consultas aos organismos de investigación e ás empresas que innovan en materiais.

Establecer unha rede de colaboradores estable cos centros e empresas que innovan en materiais para buscar sinerxías e sistematizar o intercambio de coñecemento.

NETWORKING E DIVULGACIÓN

Como parte da misión da Materioteca de Galicia de facer accesible o coñecemento sobre novos materiais, organizamos accións de divulgación e experimentación que á súa vez serven como punto de encontro e colaboración para os axentes do ecosistema galego de materiais.

O formato son xornadas de traballo nas nosas instalacións con dúas partes:

Unha sesión divulgativa na que os centros de coñecemento e empresas innovadoras no ámbito dos materiais presentan os seus últimos avances.

Un taller no que investigadores/as, deseñadores/as e empresas traballan en grupos multidisciplinares baixo a metodoloxía do design thinking co obxectivo de explorar novos usos, aplicacións e oportunidades de mellora sobre materiais.