A saúde é o máis importante

Nestes momentos de inestabilidade global, se algo temos claro, é que o importante é a saúde. O noso benestar debe basearse na saúde física e mental que posuamos, e debemos ser responsables de conseguir que este benestar sexa máximo. Para iso debemos centrarnos principalmente en seguir unha boa alimentación, un estilo de vida activo e tentar diminuír os niveis de estrés.

Con todo, grazas ás tecnoloxías que nos ofrece o mundo actual, podemos aproveitarnos dos beneficios que estas nos proporcionan. Por iso, hoxe ofrecémosvos dúas innovacións que contribúen a unha saúde óptima sen necesidade de grandes esforzos.

Fibras derivadas do leite para a fabricación de mantas, D-Leite (MG-7015)

Se algo nos importa realmente, é a saúde dos nosos bebés. É por iso, que sempre queremos o mellor para eles. As mantas para bebé D-Leite, están fabricadas cun novo téxtil creado ao mesturar fibra da proteína do leite (caseína) e urdimbre de la merina. O resultado?, unha fibra suave, hipoalerxénica e ecolóxica, ideal para calquera bebé. Esta mestura de materiais, proporciónalle propiedades antibacterianas e termorreguladoras, e ao non conter tinguiduras nin adhesivos químicos é totalmente segura para eles. Ademais, ao estar feito de materiais naturais, a manta pódese biodegradar baixo certas condicións.

A adición das proteínas do leite, fai que a manta lles lembre ao cheiro das súas nais, e isto achégalles benestar e calma. Actualmente, estas mantas realízanse a man, polo que é posible adaptalas ás necesidades requiridas: tamaño, cor, forma…

Tatuaxe temporal para a detección de axentes daniños, Logic Ink

A todos nos pasou algunha vez, fomos á praia e queimámonos ao sol. Sabemos o incómodo que é: doe, deixa marca e ademais pode carrexar consecuencias máis graves como manchas ou enfermidades da pel.

Este material adhesivo, que ten a aparencia dunha tatuaxe temporal, é capaz de desenvolver sinais bioquímicas para detectar a sobreexposición aos raios UV mediante a superficie en contacto coa nosa pel. Este adhesivo funciona grazas a reaccións químicas dos elementos químicos do material, polo que non require enerxía para funcionar. A través do cambio de cor da tatuaxe e unha aplicación que se descarga no telefono móbil, podemos saber con exactitude se nos estamos sobreexpoñendo á luz solar e alertaranos para poder evitar estas queimaduras tan molestas e perigosas.