E se os materiais desaparecesen ao final do seu uso?

Espera. Volve ler o título deste artigo. Crees que hai algo máis sostible que facer que o produto desapareza sen deixar impacto algún no planeta? Desde a Materioteca de Galicia cremos que non.

Nunha sociedade cada vez máis consumista, a xestión dos residuos é un problema a nivel mundial, e debemos buscar solucións mediante materiais que poidan desaparecer cando non os necesitemos máis. Hoxe vimos presentar, en relación ao último informe de “Sustentabilidade  e circularidade dos materiais: Fase do final de vida” que poderás atopar na web, dous materiais que, literalmente, non deixan nin rastro. 

Esferas de alginato biocompatibles, USC (MG-7038)

Estas esferas que aparecen na imaxe son de alginato de sodio (dispoñibles tanto en forma seca ou húmida). O alginato de sodio é un polisacárido extraído de forma natural das algas, ao que se lle engadiu acedo húmico. Este material está deseñado para eliminar metais pesados da auga, como mercurio ou selenio, cuxo perigo é amplamente coñecido.

A pesar de que xa existen absorbentes de metais pesados, estas esferas contan cunha vantaxe competitiva de gran calibre: unha vez finalizado o seu uso, poden utilizarse como abono vexetal. O ácido húmico é comunmente usado para aumentar a indispoñibilidade da auga e mellorar os cultivos aumentando os nutrientes dispoñibles na terra. Estas esferas non só axudarán a manter as augas limpas, senón que tamén desaparecerán axudando á fertilidade do chan e á obtención de mellores colleitas.

Saco para cemento hidrosoluble, Billerudkorsnäs 

Xa comentamos nun artigo anterior que o uso de materiais para a construción é un dos máis contaminantes que existen. O cemento, sen ir máis lonxe, emite un 90% de CO2 no seu proceso de fabricación. No artigo mencionado xa falamos da solución ao cemento, pero, e se os sacos nos que se almacena o cemento tamén puidesen ser sostibles? 

Estes sacos de papel hidrosoluble especificamente deseñados para o seu uso con cemento, están fabricados a partir dun monomaterial patentado que grazas ao seu recubrimento, poden resistir a humidade e a choiva por un tempo limitado e repelen a sucidade. Con todo, unha vez se utilice o cemento que conteñen, estes sacos poden ser disoltos en auga, sen impacto ambiental algún, formando parte do cemento final sen alterar as súas propiedades.