Lessen: paneis que coidan os oídos alegrando a vista

O concepto de confort acústico é relativamente recente, pero a súa importancia no deseño arquitectónico e de interiores foi aumentando coa evidencia científica de que o ruído provocado pola actividade humana é contaminante e tradúcese en estrés, irritabilidade, aumento da fatiga e pérdida de concentración. Os materiais técnicos con capacidade para a absorción acústica son a solución idónea, sobre todo se logran acompañarse do factor estético para combinar confort e deseño. Esta é a aposta da empresa galega Vertisol coa súa gama Lessen, presente na Materioteca de Galicia.

Cando en 1895 o complexo proxecto da mellora acústica da sala Fogg Lecture Hall, na Universidade de Harvard, caeu en mans de Wallace Clemente Sabine, poucos imaxinaban a transcendencia posterior que tería o proxecto.

Os catedráticos do departamento de física da prestixiosa universidade estadounidense déronse por vencidos e o encargo foi caendo no escalafón académico ata acabar no despacho de Sabine, un novo profesor que nunca chegou a doutorarse pero que, grazas á súa perseveranza, acabou solucionando o agravio e, de paso, deixou para a posteridade a fórmula do tempo de reverberación, que segue sendo actualmente a característica máis importante para medir a calidade acústica dunha sala. Así pasou á historia como o fundador da acústica arquitectónica e a unidade de absorción do son recibiu o nome de sabin.

Na actualidade, os materiais técnicos son o recurso máis eficaz para lograr o ambiente no que o nivel de ruído provocado polas actividades humanas resulta adecuado para o descanso, a comunicación e a saúde das persoas. Dependendo do tipo de estancia e a hora do día, o nivel de confort acústico oscila entre un máximo de 25 e 40 decibeis.

A Materioteca de Galicia inclúe na súa sección de polímeros a gama Lessen de paneis acústicos desenvolvidos por Vertisol. Tal e como indica o seu nome en inglés, o seu propósito é reducir a contaminación acústica, grazas a propiedades de absorción Clase A sen sacrificar as súas características ignífugas. O seu perfil técnico de alto rendemento combínase cun concepto de deseño moderno e flexible, grazas a unha presentación modular e modulable, con diferentes formatos e adaptables a calquera parede ou teito mediante unha fácil instalación.

A súa composición combina un tecido vinílico cun 85% de PVC ( policloruro de vinilo) e un 15% de PES ( poliétersulfona) máis un material absorbente 100% PES (do que o 30% é reciclado). O marco é de aluminio, cunha porcentaxe reciclada que oscila entre o 15 e o 20%.

Segundo destaca a empresa, os recubrimentos téxtiles, integramente fabricados en Galicia, son altamente resistentes á abrasión, antiácaros, imprimibles e fáciles de limpar e manter. A isto súmase que non conteñen fibra de vidro nin ftalatos e que non desprenden cheiros desagradables nin compostos orgánicos volátiles ( COV), altamente contaminantes.

Os seus paneis triangulares, hexagonais, cadrados, rectangulares e redondos, con formas personalizadas e diferentes ángulos (60º, 90º e 120º), forman parte da decoración funcional de oficinas, salas de conferencias e locais de restauración de diversos países.

A preocupación polo deseño plásmase nunha gran variedade de formatos, pero tamén, de forma moi particular, na oferta dunha paleta cromática e de texturas moi completa e coidada. Centrados no desenvolvemento de solucións integrais para cubrir as necesidades tanto de arquitectos como deseñadores, Vertisol creou a serie Advanced Fabrics Coordinated, baseada nunha paleta de cores Contract. Xunto a esta, a gama deseñada polo estudo holandés Raw Color, unha colección de tecidos que explora as posibilidades da cor e os límites da tejeduría.

Accede á ficha deste material para obter toda a información (link).