Workshop “Transformación de materiais para a economía circular”

Ciclo “Sustentabilidade e circularidade dos materiais”

Data: 16/06/2022

Hora: 10.00 – 14.00 h.

Lugar: CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol)

A Materioteca de Galicia celebra o segundo workshop do ciclo “Sustentabilidade e circularidade dos materiais”, unha nova cita en formato híbrido para explorar as oportunidades de innovación que representan os novos materiais en relación con procesos que aumentan a vida útil dos produtos e reducen o impacto ambiental a través da recuperación, a reutilización, a reciclaxe e o ecodeseño.

O workshop, organizado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación, terá lugar o 16 de xuño no CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol) coa transformación de materiais para a economía circular como tema central.

As persoas que asistan poderán coñecer de primeira man procesos de transformación dos materiais atendendo a dúas vertentes: o rescate de materias primas procedentes de materiais refugados e a optimización do uso de materias primas escasas e do consumo de enerxía necesaria para producir novos materiais de forma máis sustentable.

Durante a primeira parte do workshop, que será retransmitida online, representantes da empresa Lavelle Europe e da Asociación de Recicladores de Construción e Demolición presentarán casos prácticos relativos a este tipo de procesos marcados pola sustentabilidade.

A continuación, terá lugar un taller práctico de carácter presencial a cargo de Materially no que tamén será presentado un estudo estratéxico sobre exemplos de materiais a nivel internacional cuxa sustentabilidade e adaptación aos criterios da economía circular foi mellorada a través dos procesos de transformación.

Este evento está especialmente dirixido a profesionais do deseño, da enxeñería e da construción con interese pola aplicación de novos materiais en procesos innovadores.