A Materioteca de Galicia expón xa máis de 100 materiais creados en Galicia

Os materiais baseados en materias primas secundarias foron os protagonistas do primeiro workshop do ciclo “Sustentabilidade e circularidade dos materiais”, que tivo lugar o 28 de abril no CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol), sede da Materioteca de Galicia.

Este ciclo, que se desenvolverá ao longo de todo este ano a iniciativa da Axencia Galega de Innovación, está dedicado a explorar as oportunidades de innovación que representan os novos materiais en relación con procesos que aumentan a vida útil dos produtos e reducen o impacto ambiental a través da recuperación, a reutilización, a reciclaxe e o ecodeseño.

Durante a apertura do workshop, a directora de Centros da Axencia Galega de Innovación, María José Mariño, explicou que, dende a súa creación en 2019, a Materioteca de Galicia incorporou 105 materiais creados en Galicia, recibiu máis de 1.000 visitas e organizou 10 workshops aos que asistiron outras 1.000 persoas. Ademais, actualmente dá acceso a información sobre máis de 8.000 materiais de todo o mundo. Este balance positivo foi tamén destacado pola delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, que durante a clausura destacou a relevancia da materioteca para a comarca.

Do téxtil á construción

Na primeira parte da xornada, que foi retransmitida online, as empresas galegas Rir&Co, Cholita Recicla e Extraco, xunto con dous grupos de investigación da Universidade da Coruña, presentaron as súas propostas de materiais baseados en materias primas secundarias. 

Gema Neira, de Cholita Recicla, presentou Onenowood, un material procedente da reciclaxe de residuos plásticos para fabricar mobiliario urbano como bancos, xardineiras e tapas de sumidoiros. A súa última aplicación é en calzado, con solas feitas a partir de plástico reciclado mediante impresión 3D.

Inés Rodríguez, de Rir&Co, explicou que o contacto cunha materioteca, Materfad, foi a orixe da súa aventura unindo artesanía, deseño, tradición, tecnoloxía e innovación. O seu tecido D-Leite, que incorpora a fibra de proteína láctea a unha base de la meiriña, foi seleccionado no I Certame de Materiais Innovadores de Galicia.

Francisco J. Prego expuxo que Extraco atopou na Universidade da Coruña (UDC) a socia idónea para obter materiais de #construción sustentables procedentes da valorización de residuos e subprodutos e anima as empresas a buscar solucións innovadoras nas universidades.

As investigadoras da UDC Ana M. Rodríguez e Belén González presentaron varios proxectos de fabricación de alternativas sustentables para o asfalto e o formigón. Rodríguez expuxo, entre outros, o proxecto Iwabimix, no que o Grupo de Estradas, Xeotecnia e Materiais incorpora residuos industriais como cinzas de biomasa para fabricar mesturas bituminosas, alternativas verdes ao pavimento convencional.  Pola súa banda, González explicou a experiencia do Grupo de Construción no emprego de residuos de construción e demolición para elaborar formigóns e a súa colaboración no desenvolvemento da normativa para que se usen coas mesmas garantías que os convencionais.

A segunda parte do workshop, de carácter exclusivamente presencial, tivo formato de taller práctico e interactivo. Foi dinamizado polos expertos Unai Etxebarria e Iker Agirre, da empresa especializada Materially, que presentaron unha selección de materiais innovadores baseados en materias primas secundarias recompliados nun estudo estratéxico xa dispoñible.