O alumnado do CIFP A Carballeira visita a Materioteca de Galicia no marco do programa EduTecEmprende

Vintecinco alumnos do Ciclo Medio de Microsistemas e Redes Informáticas, xunto con tres profesores do Centro Integrado de Formación Profesional de A Carballeira de Ourense, desprazáronse ata as instalacións do CIS Tecnoloxía e Deseño para coñecer de primeira man as actividades do centro e a Materioteca de Galicia .

Na presentación inicial mostráronse algúns exemplos históricos nos que os materiais foron os protagonistas e que serviron para ilustrar a importancia que teñen para a tecnoloxía dos materiais a “simbiose industrial” e a “protección da patente”. Posteriormente, o alumnado puido visitar a exposición de máis de 350 materiais e que recolle os 80 materiais que participaron no Certame Galego de Materiais Innovadores convocado durante o ano 2020.

Esta visita forma parte das Visitas ao CIS Tecnoloxía e Deseño no marco do programa EduTecEmprende. O CIS Tecnoloxía e Deseño colabora coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade nesta iniciativa. O programa ten como obxectivo motivar e sensibilizar aos estudantes no espírito emprendedor a través do coñecemento da realidade empresarial e tecnolóxica da súa contorna, así como promover o seu achegamento ás áreas STEM.