Pechando o círculo da sustentabilidade

Se en algo pensamos cando nos din a palabra “sustentabilidade”, é sen dúbida en conceptos como reciclaxe, reutilización e revalorización. Disto tratará o noso último informe deste ano “Sustentabilidade e circularidade dos materiais: Fase de fin de vida”, onde serán protagonistas os materiais unha vez cumpriron co labor para o que foron deseñados.

Sabemos que globalmente, préstase gran atención ao desenvolvemento sostible, co obxectivo de concienciar á sociedade sobre a reciclaxe. É por iso que, neste artigo, queremos facer unha introdución á circularidade dos materiais mediante dous procesos de reciclaxe completamente diferentes. Veremos como materiais que se atopen no seu fin de vida poden ser reciclados ou revalorizados nunha gran cantidade de maneiras. 

Aceite Oxonizado Peroxibiokey de Keybiological S.L. (MG-7021)

Este aceite vexetal é o claro exemplo do concepto de “revalorización”. Para fabricalo, pódense utilizar tanto aceites virxes como reciclados, normalmente de oliva ou xirasol. Estes aceites, son oxidados mediante un proceso biotecnolóxico protexido por patente que está baseado na difusión controlada de gas ozono filtrado nestes aceites. 

Grazas a este proceso de oxidación, o aceite obtén excelentes propiedades antisépticas (tanto bactericidas, como virucidas e fungicidas), rexeneradoras, cicatrizantes e antioxidantes. Estas características fano ideal para produtos cosméticos ou de hixiene persoal, produtos de coidado de mascotas, terapéuticos ou mesmo para a desinfección de superficies.

Ademais, é posible utilizalos como complemento alimenticio, debido a que numerosos estudos sinalan que regula a función linfática do sistema inmune e dos órganos que producen células. É por iso, que axuda en patoloxías gástricas, regulando a flora, ou en enfermidades autoinmunes.

Separación magnética de plásticos, Umincorp

Menos do 10% dos plásticos virxes que fabricamos son finalmente reciclados. A magnitude deste problema é proporcional á cantidade de plástico que usamos, é dicir, de magnitude incalculable. O plástico non reciclado acaba na entulleira, ou en mares e océanos, sendo tan perigoso para a nosa saúde como para a do planeta.

Esta empresa desenvolveu unha nova tecnoloxía patentada de separación de plásticos e reciclaxe destes, denominada “Magnetic Density Separation (MDS)”. Mentres que a maioría dos procesos de reciclaxe clasifican obxecto por obxecto, este proceso baséase na separación por densidade nun fluído controlado por cargas magnéticas. Isto fai que os flocos reciclados teñan unha alta pureza e recuperación (99%), diminuíndo así as perdas de plástico. Desta maneira, conséguese dar unha nova vida a estes plásticos refugados, xa que se consegue novamente unha materia prima de moi boa calidade.