Encontro de Transferencia e Innovación en Novos Materiais

Data: 28 de setembro de 2023

Lugar: Materioteca de Galicia (CIS Tecnoloxía e Deseño, Ferrol)

Prazo de inscrición empresas: Ata o 15 de setembro

A Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, en colaboración coa Fundación Barrié, organiza o «Encontro de Transferencia e Innovación en Novos Materiais» no marco do Programa Ignicia Transferencia de Coñecemento.

Este encontro enfócase a propiciar conexións entre empresas e centros de coñecemento do Sistema Galego de I+D+i que poidan dar lugar a proxectos de valorización e transferencia no campo dos materiais avanzados, como por exemplo os aplicados á acumulación enerxética, a funcionalización de superficies e a xestión de residuos, entre outros.

E é que os materiais avanzados abren un amplo abanico de oportunidades de innovación en diversas industrias de distintos sectores. Propiedades como a resistencia, lixeireza, durabilidade e propiedades térmicas e eléctricas melloradas, permiten o deseño de produtos diferenciais de alto valor engadido, a optimización de procesos e o incremento da produtividade e a seguridade. Así mesmo, permiten avanzar cara un futuro máis sostible e orientado á economía circular, onde a eficiencia, a conservación de recursos e a redución de impacto ambiental son piares fundamentais para o desenvolvemento industrial.

As firmas interesadas en participar no encontro poderán propoñer o seu reto ou área de interese e un equipo de profesionais en innovación en materiais aplicados a produtos e procesos industriais identificará as capacidades tecnolóxicas dos centros do sistema galego de I+D+i que respondan ás necesidades formuladas polas empresas. Por último, proporase a ambas entidades unha reunión, que terá lugar na xornada de networking do 28 de setembro na Materioteca de Galicia (CIS Tecnoloxía e Deseño, Ferrol).

Consulte toda a información do programa premendo aquí. O prazo de inscrición para as empresas remata o día 15 de setembro,pode cubrir o formulario de presentación de retos na seguinte ligazón.

Para calquera dúbida ou aclaración, pode poñerse en contacto a través do correo electrónico programacion.centros.gain@xunta.gal ou no teléfono 981 957 012.