Workshop “Materiais para o sector sanitario”

Data: 30/11/2023

Hora: 10.00 – 13.30 h.

Lugar: CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol)

A Materioteca de Galicia acolle o vindeiro 30 de novembro un workshop sobre materiais innovadores para o sector sanitario. Esta xornada, organizada pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación,terá lugar no CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol) e constará de dúas partes: unha expositiva e outra práctica.

Neste workshop, axentes relevantes do sector darán a coñecer novas tecnoloxías baseadas no emprego de materiais avanzados que axudarán a obter dispositivos capaces de contribuír aos retos que se presentan no contexto actual no ámbito da saúde. Os novos materiais están chamados a ofrecer solucións para as necesidades da medicina rexenerativa, o desenvolvemento de dispositivos de diagnóstico ou a hixienización de espazos sanitarios e públicos.

Durante a primeira parte da xornada, investigadores das universidades da Coruña e de Santiago de Compostela (UDC e USC) e responsables da Plataforma de Impresión 3D do Servizo Galego de Saúde expoñerán os seus proxectos relativos a nanomateriais aplicados ao diagnóstico precoz e bioimpresión 3D.

A continuación, terá lugar un taller práctico a cargo de Materially no que serán presentados 21 materiais innovadores con aplicacións para a saúde e se realizará unha dinámica en grupos para compartir retos e oportunidades e identificar posibles proxectos e colaboracións. Os materiais presentados forman parte dun informe que estará dispoñible na web da materioteca.

Este evento é de especial interese para persoas vinculadas ao sector sanitario, pero tamén busca difundir entre o público xeral e profesionais de diversos ámbitos os avances en tecnoloxías e materiais e as súas posibles aplicacións á saúde e o benestar.